jueves, 16 de agosto de 2007

RELIGIO




Moitas veces teño pensado que sucedería se na relixión católica prohibisen a entrada das mulleres na igrexa como sucede no caso xudeu.

A miña primeira idea é que a igrexa ficaría baleira: nas misas da miña parroquia, o número de homes cóntanse cos dedos dunha man



Sen embargo, nunha segunda reflexión cheguei a conclusión de que sería a forma de que as igrexas estiveran totalmente cheas. De bote en bote que se di aquí.



Os homes irían a misa só por sentirse especiais. Por saber que aínda hai un reduto onde a entrada da muller non está permitida, e sentiríanse poderosos (Hai ben anos, un reloxo de luxo utilizaba o mesmo xiro para unha campaña publicitaria)

E ducias de mulleres ficarían na porta espreitando coa atención, que ahora non poñen, todos aqueles ritos aos que están vetadas.

viernes, 10 de agosto de 2007

CIAO GUAPA!

La página de David Cantero

Onte a noite o presentador da segunda edición do Telediario da Primeira , David Cantero, despedía con estas asombrosas verbas o informativo.
Ciao guapa!

O atractivo presentador de informativos coidaba non estar xa en directo?
Foi embargado pola emoción ante a cordial despedida e peche da súa partenaire?

Solo el o sabe.

O caso é que eu na casa, tirada no sofá puiden escoitar claramente "Ciao guapa".
Escoitei mal, seguro, pero instantáneamente corroboraron a miña percepción.

Unha despedida, cecáis demasiado fresca para un espazo informativo....
Unha expresión espontánea en demasía, que se lle escapou dos beizos algo antes da desconexión...

Excesiva familiaridade?

martes, 7 de agosto de 2007

MULLER E GAITEIRA



Dentro dos clasificados na última edición do Trofeo McCrimmon de gaita, celebrado a pasada fin de semana no Intercéltico de L´orient había unha muller.

Marie Le Cam, bretona para máis datos, competiu por este premio entre os mellores instrumentistas da gaita do momento.

Marie súmase ao, cada vez máis, amplo número de mulleres virtuosas do noso instrumento por antonomasia.

Nun mundo pechado aos homes, como son os concursos de gaiteiros solistas, xa é frecuente ver a rapazas coa afouteza precisa para ir abríndose paso.
Marie foi unha destas gaiteiras nun concurso cun podio maioritariamente galego: Edelmiro Fernández (gañador) e Alberto Coya (terceiro).


Cada vez Máis e Máis visibles!

viernes, 3 de agosto de 2007

CRISTINITA KIRCHNER




Hai uns días o Rei recibía a inusitada visita de Cristina Fernández de Kirchner; unha audiencia que tivo lugar dentro dunha intelixente axenda da senadora arxentina no seu periplo por España.


O inaudito é que a visita desta muller a España non se fixo en calidade de primeira dama arxentina. Cristina Fernández visitou as súas maxestades como senadora e candidata a máxima mandataria do seu país apartándose, unha vez máis, da alargada sombra do seu cónxuxe.

Coa audiencia Real amosou que non só é unha muller de iniciativa, se non que tiña un ollo estratéxico impecable. Agora chegará ao seu país lexitimada por un Xefe de Estado de peso en Latinoamérica, e co recoñecemento internacional dunha personalidade política independente do seu marido.

A grosso modo a visita da carismática non-primeira-dama arxentina non deixou de recordar en certo modo a antigas alianzas entre os dous países, seladas cunha rexa sinatura femina. Noutrora a carismática Evita Perón, e sesenta anos despois Cristina Kirchner: dúas mulleres cun caracter e personalidade únicos cuxo destino as fixo copartícipes do mesmo fado (con música de tango): "El país que soñamos es el mismo que seguimos construyendo a pasos agigantados"

Carismática como poucas, Cristina deixa no ar a pregunta que moitas outras veces se fixo: Detrás de cada gran home hai unha grande muller?

Eu boto un pulso a que xustamente é así.

Un Goberno para pórlle a guinda ao impecable currículo político dunha excelente estratega política.

lunes, 30 de julio de 2007

REXISTRANDO ATÉ O IMPOSIBLE


Din que os nazis eran impecables rexistradores: sempre estaban apuntado todo o que acontecía. Un rexistro da realidade que ainda está a facilitar a labor dos historiadores.

Debido a esa ansia de capturar a realidade, puideron amosarse probas en Nüremberg, e esa mesma necesidade acaba de revelar un tabú aínda agochado: a existencia de prostíbulos nos campos de exterminio nazi.
Poderíase ver na existencia destes burdeles un vestixio de humanidade, pero a realidade é completamente diferente. O diario polaco Rzeczpospolita recolle a este respecto as declaracións de Jozef Szajnado, número 18.729 de Auschwitz-Birkenau:
"Todo aquel que pensa que o burdel da barraca 24 de Auschwitz era un xesto de compaixón dos nazis cara aos presos trabúcase de todo, porque o seu obxectivo era afundir na humillación máis profunda tanto ás presas obrigadas a prostituirse, como aos seus compañeiros de desgraza que se aproveitaban da explotación canallesca das mulleres"

As mulleres prostituídas eran prisioneiras alemanas do campo de exterminio Ravensbrück, onde eran coidadosamente seleccionadas.
Meticulosamente vestidas, limpas e alimentadas, eran conducidas aos cuartos onde en pésimas condicións executaban as ordes dos seus captores. Violencia física, á que habería que engadir unha violencia psíquica da que era partícipe co seu inusitado cliente.

O resultado apuntábase minuciosamente nun libro de rexistro da "administración sanitaria": corpos físicamente desfeitos, aguilloados por abortos e experimentos sobre enfermidades venéreas.
Letra perfecta e miúda que nunca chegou a rexistrar o adebacle das ánimas.